Mostrando entradas con la etiqueta cómic. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cómic. Mostrar todas las entradas

2/11/09

Freda


Esta é unha das novas adquisicións da biblioteca do MGB. Ao longo das viñetas en branco e negro desenvólvese unha historia de emigración, de desarraigo, de carencias afectivas tanto no país de acollida coma na terra natal á que se retorna. Para non perdelo!

13/3/09

Arrugas


Este cómic trata con sensibilidade e tenrura unha situación ben difícil: o internamento nunha residencia da terceira idade dun paciente de alzheimer.

13/2/09

Retorno a la tierra

A triloxía (ate o momento) de Retorno a la tierra recolle as peripecias dunha parella nova que abandoa a cidade para vivir no campo. Nos pequenos capítulos nos que se estrutura a obra, preséntansenos anécdotas das persoas do pobo, reflexións sobre o cambio de vida, as desavenencias
matrimoniais, os obxectivos persoais...
Para disfrutalo!
(Sobre todo a partir dos 30)




No pasarán

Nos dous tomos de ¡No pasarán! Giardino presenta ao seu personaxe Max Fridman durante a Guerra Civil española. A súa colaboración cos republicanos, as relacións coas Brigadas Internacionais e un panorama da situación política, social e etnográfica do momento.

Mi madre era una mujer hermosa

A lembranza da familia amósase sen sensiblería. Os conflictos son narrados por unha muller nova que pretende reorganizar o núcleo familiar.

Aya de Yopougon

Aya, unha adolescente, reside nun suburbio. O seu obxectivo é estudar unha carreira, mentres o afán das súas amigas é casar. Xa están na biblioteca os tomos 2 e 3 desta serie. Se che gustou este, segue lendo!

De profundis

Este cómic é o froito da película do mesmo título. Unha visión lírica sobre un pintor que ao morrer no mar descobre o universo (animal, vexetal e de seres míticos) que antes recreara nos seus cadros.
Sempre é un pracer ler e mirar a obra de Miguelanxo Prado; aínda que se bota en falla a magnífica música da película.

Cómo no fui secuestrado en Afganistán

Dado o gran número de analfabetos en Afganistán, o Goberno contrata a un ilustrador para que faga unha versión da Constitución en cómic.
Dende a mirada extrañada do debuxante occidental contemplamos a crítica aos varios factores que na actualidade conflúen neste país: os costumes, as actuacións das ONG's, a situación prebélica...

Píldoras azules

Este cómic para adultos amosa como unha parella debe afrontar a enfermidade dun deles. A crueza da temática e do plantexamento, non impiden a tenrura da ilustración e dos xestos. Lectura que invita á reflexión.





Bone

No mundo de Boneville tres amigos pérdense e cada un deberá buscar o seu camiño. Os seus diferentes caraceteres os levarán a propostas ben distintas ate que ao final do primeiro tomo reencóntranse. Podes seguir lendo, hai xa nove títulos publicados.

Pollo con ciruelas

Satrapi é unha das nosas autoras recurrentes, xa comentamos Persépolis en "A, de alteridades". Nesta ocasión o protagonista é un home que perde a ilusión pola vida cando se lle rompe o seu instrumento musical (fonte de manutención e de placer). Na busca dun shitar axeitado veremos as súas relacións familiares, a depresión da madurez e os conflictos dos anos 70 en Irán.


La prórroga

Nos dous tomos da obra coñeceremos a un desertor da Segunda Guerra Mundial en Francia, quen conta as súas vivencias e as observacións da realidade dende a atalaia onde está agachado. Mentres o tempo pasa, as estacións, a entrada dos nazis no pobo, o poder que adquiren os pronazis... el coñece e vive unha historia de amor e descobre os movementos da Resistencia.

Blacksad


Esta triloxía está protagonizada por Blacksad, un detective con rostro de pantera que investigará e perseguirá aos delincuentes. O plantexamento de fábula (coma en Maus) invita ao lector a entrar no xogo de recoñecer os rasgos de carácter no animal que representa á personaxe.
Os tres títulos manteñen a intriga e unha presentación coidadísma do relato, tanto no texto coma na imaxe.

Todo Mafalda

A personaxe máis coñecida de Quino xa cumpliu 40 anos, pero segue a ser tan actual como o primeiro día. As súas críticas ao sistema, á visión tradicional da vida (representada en Susanita), á ambición económica (Manolito)... e as súas reflexións sobre a imaxe do corpo na sociedade actual, a información, o medio ambiente... aínda nos fan rir e pensar.

As aventuras de Cacauequi


Cacauequi contaranos en primeira persoa a súa vida, chea de episodios surrealistas e amosando unha estética na que percibimos guiños ao lector xa que moitas das viñetas remiten a obras de De Chirico, Dalí...

20/2/08

Maus


Este cómic mereceu o premio Pulitzer. O autor, tentando recrear a súa historia, a través dos recordos do seu pai, presenta as vivencias dos xudeos durante a época de ascensión do nacismo e a vida nos campos de concentración.
As ilustracións en branco e negro e con dureza nos trazos, forman viñetas abigarradas de contido. As personaxes caracterízanse como animais, así os xudeos serán ratos, os nazis gatos e os polacos, cerdos.
Outro título que non deberías perder! Descubrirás que os cómics non sempre son para os máis cativos.

23/1/08

Tintín en el Congo


Tintín, o reporteiro, viaxará ao centro de África acompañado das persoaxes xa coñecidas: ó inseparable Milú, o capitán Haddock...
Esta obra de Hergé recibiu (e recibe) numerosas críticas porque a visión que se ofrece do Congo e das súas xentes é abertamente racista. Recordade que, na época en que se publicou, o Congo aínda era unha colonia de Bélxica, país do autor.