15/11/11

"Anxos en tempos de chuvia", en novembro


Outro ano máis retomamos o club de lectura NA Estrada-525. Desta vez, o libro lido foi Anxos en tempos de chuvia, de Miguel Vázquez Freire, quen nos acompañou durante a reunión. Houbo opinións, comentarios e dúbidas variados dos lectores: a miña dúbida particular foi por que estaba escrito en segunda persoa, e o autor contestou que era unha forma máis de narrar os feitos, e que ao final do libro esa segunda persoa xoga un importante papel na trama como nos decatamos ao chegar ao último capítulo.
A reunión desenvolveuse arredor dos temas do alcohol e a condución, de como o autor comezou a escribir o libro e cal foi a súa principal motivación: todo ten gran relevancia para comprender mellor a obra. Nela Anxos, unha rapaza relixiosa e coidadosa, que aínda se está buscando a si mesma, morre nun accidente de tráfico con outros tres rapaces; na súa habitación queda un diario persoal que comezara a escribir, e no que recolle as súas reflexións e pensamentos. Moncho, irmán de Anxos, encontra o diario mentras indaga no verdadeiro motivo da súa morte, xa que non lle parece que encaixe coa súa querida irmá. Comezará entón unha busca da verdade que, mais que unha investigación policíaca, será un proceso de aceptación de quen foi Anxos.
É unha lectura amena, aínda que moitos nos queixamos do pouco que se reflectía o galego falado polos mozos. Ademais, na miña opinión, faltoulle algo á trama para engancharme: segundo Vázquez Freire tratábase, a fin de contas, de que “Moncho non se convertise nun policía”.
Paula Romero, membro do club de lectura NA Estrada-525