20/2/08

El niño con el pijama de rayas


Esta foi a proposta maioritariamente escollida polos lectores, pero non todos remataron de lelo... Quen estea disposto a saber máis deberá consultar os comentarios.

El humo de Birkenau


Esta é unha obra autobiográfica, na que a autora relata seis episodios da súa estadía neste campo de concentración. O texto é durísimo polas circunstancias que presenta, pero descubrimos que entre a miseria e a morte cabían a esperanza, a solidariedade e a fortaleza destas mulleres.

Diario de Ana Frank


Ana Frank escribe o diario no que relata a vida cotiá nos dous anos nos que está recluída en Amsterdam. Ela e a súa familia deben permanecer ocultos dos nazis para sobrevivir.

Sálvate, Elías!


Neste álbum ilustrado, que pode ser lido a partir dos 7 anos, trátase dun feito menos abordado na literatura e no cine con respecto á persecución dos xudeos durante os anos 30-40 en Alemaña: a separación de pais e fillos.
Elías, xudeo de 7 anos, é deixado polos seus pais nas mans duns franceses para protexelo da persecución nazi. Esta "familia" adoptiva criará a este rapaz que desperta á vida nunhas situacións estremecedoras.
O texto derrocha ternura e realismo, as ilustracións o acompañan cos tonos fríos e o xogo de texturas. O diálogo entre ambos códigos é perfecto, porque un completa ao outro.

Maus


Este cómic mereceu o premio Pulitzer. O autor, tentando recrear a súa historia, a través dos recordos do seu pai, presenta as vivencias dos xudeos durante a época de ascensión do nacismo e a vida nos campos de concentración.
As ilustracións en branco e negro e con dureza nos trazos, forman viñetas abigarradas de contido. As personaxes caracterízanse como animais, así os xudeos serán ratos, os nazis gatos e os polacos, cerdos.
Outro título que non deberías perder! Descubrirás que os cómics non sempre son para os máis cativos.

Cuando Hitler robó el conejo rosa


Un título para nenos no que se incorpora a temática da guerra vista polos seus ollos.

Unha alma nobre


Aínda que pode ser lida independentemente, esta é a segunda parte de Reencuentro. Se naquela era o amigo xudeo quen narraba, agora en Un alma nobre será Konradin quen comente a súa relación de amizade ímposible na época e lugar na que se produciu. Konradin, o home de 32 anos, a escasos días de ser executado recorda os días felices da adolescencia na compaña do único amigo que recoñece.
Se aínda non as liches, aproveita para incorporalas o próximo mes!

Enderezo descoñecido


Esta breve novela foi publicada nos anos 40 e sorprende a lucidez da autora en percibir os primeiros movementos do nacionalsocialismo que logo conducirán aos guettos, campos de concentración e de exterminio.
Martin e Max, socios dunha galería de arte en EE.UU., manterán unha relación epistolar dende 1936 xa que Martin decide establecer a súa residencia en Alemaña. Os dous amigos verán que as súas posicións vitais se polarizan cando Martin incorporase ao movemento nazi e renega de Max, xudeo.
Unha novela para non perder!

La vida es bella


Roberto Benigni mostra de forma amable a vida nos campos de concentración nazis. A visualización desta película pode confrontarse con outras das obras propostas.

Las uvas de la ira


Esta película foi recentemente traballada por dúas profesoras do noso centro cos alumnos... como elas (Juana e Isabel) forman parte deste club, esperamos que nos ofrezan unha visión dela.

Ser o no ser


O parecido físico entre un actor e un alto cargo nazi da lugar á comicidade e a crítica.